As Eiroás, Festa da Pita, 2021
As Eiroás, Festa da Pita
31/01/2021 by loispardo
Hoxe 31 de xaneiro, domingo de septuaxésima no calendario litúrxico e penúltima lúa chea do inverno, daría comezo nas Eiroás o noso particular ciclo do Entroido. Faríao coa celebración do Domingo Fareleiro, despois de que o Meco fora acompañado polas veciñas e veciños a ocupar o punto máis alto da praza.
Isto sería así de non ser polas circunstancias que xa todas e todos sabemos abondo e que non imos repetir aquí. A estas alturas xa temos (ou deberiamos ter) máis que claro cal é a situación, e canto de necesaria é agora unha actitude responsable que nos protexa e que coide de toda a comunidade, principalmente das persoas máis vulnerables… daquelas que coidaron de nós.
Contodo, non estamos dispostos a converter o Entroido nun laio continuo polo que non podemos facer. Ao contrario, queremos pescudar outras propostas que nos permitan vivir -dun xeito distinto, por este ano- a nosa festa máis querida.
Este ano imos ter a oportunidade de demostrar que levamos o Entroido por dentro. E tamén poderemos comprobar que somos quen facelo desde dentro das nosas casas ou nas nosas unidades familiares. Con disfraces, coplas, parrafeos, contos… ou simplesmente coa vosa presenza, sen dúbida de porte maxestoso e singular beleza. Desta vez, a rede e as plataformas dixitais serán o torreiro da festa e o espazo no que entroidar co resto da comunidade.
Queremos propoñervos que compartades os vosos videos de Entroido nos vosos perfís de redes sociais empregando o cancelo #FestaDaPita2021, ou -se preferides- enviedes o arquivo ao noso correo electrónico: festa.da.pita@gmail.com.
Recompilaremos todo o que fagades para compartilo no noso torreiro virtual, que será a nosa propia canle no youtube. As datas nas que subiremos os contidos que enviedes coincidirán cos días habituais do programa que habitualmente conforma a nosa festa (neste ano, o 31 de xaneiro, 7, 13 e 16 de febreiro).
A maiores, xa aproveitamos para convidarvos á Voda da Pita do 2021, que aínda non sabemos ben como será pero… dalgún xeito ha de ser. Como sempre, será o martes 16 á 1 do mediodía na praza (virtual, neste ano) das Eiroás.
Construide con nós o Entroido dixital do 2021.