Exposición de máscaras Lugo - Os rostros das festas de Inverno do distrito de Bragança, en O SIL, 14-03-2025
Os rostros das festas de inverno de Distrito de Bragança (Portugal), nunha exposición en Lugo
Baixo o título "Ritos e Rituais de Inverno" reúne 84 máscaras de 34 antigas celebracións do Distrito de Bragança e poderá visitarse ata o 5 de maio no Vello Cárcere da cidade da muralla
14 de Marzo de 2025
Na franxa temporal que vai do 31 de outubro e o Mércores de Cinsa celebrábanse ata 34 rituais con máscara nas freguesías e vilas do Distrito de Bragança (Portugal). Unha festividades cíclicas de inverno “tan antigas como as xentes que habitan este territorio” e que se visibilizan nas súas máscaras tradicionais. Así o destacaba o profesor António Pinelo Tiza, presidente da Academia da Máscara Ibérica, na inauguración na tarde do 13 de marzo da mostra “Ritos e Rituais de Inverno”, que poderá visitarse ata o 5 de maio no Vello Cárcere de Lugo.
Reúne 84 máscaras elaboradas por 26 artesáns distintos e que pertencen ao coleccionista Nuno Rodrigues Gonçalves, tal e como destacaba tamén no acto a profesora María Pilar Panero, directora da Cátedra de Estudos sobre a Tradición da Universidade de Valladolid e investigadora principal do proxecto Erasmus+MASKS. “A mostra débese á xenerosidade dun coleccionista privado que cede a súas máscaras para que todo o mundo as desfrute e teña coñecemento da cultura da máscara em Tras-os-Montes”. Ademais incidía na importancia da divulgación deste tipo de patrimonio.
Panero comentaba tamén que este tipo de patrimonio vive arestora un bo momento, se ben lembraba que tamén “tiveron a súa travesía polo deserto” xa que anos atrás asociábanse, de forma negativa, coa falta de cultura e formación das xentes do rural. Resaltaba o seu valor xa que “as máscaras son un produto da historia” e lembraba que son obxectos creados por artesáns, antano anónimos, “porque non interesaba o que facían” e que hoxe teñen recoñecemento, tal como pode comprobarse percorrendo a mostra, onde figura cada un dos seus nomes. Panero diferenciaba entre artesáns e construtores de máscaras, é dicir, aquelas persoas que fan a súa propia máscara para usala nas celebracións. E celebraba que hoxe esta “sexa unha cultura viva”, comentando ademais o labor que se está realizar neste senso no proxecto MASKS, no que “estamos encantados de ter reporte con outros territorios e Galicia e o noroeste é un epicentro mundial da máscara”.
Á súa beira, António P. Tiza, autor tamén dos textos do catálogo da exposición, facía un percorrido polas máis de 80 máscaras que poden contemplarse no Vello Cárcere de Lugo, enmarcándoas no seu contexto tempora e espacial. Dende a da Festa da Cabra e do Canhoto (o 31 de outubro en Cidões, Vinhais) ata os Diabos de Bragança, no Mércores de Cinsa. “Esta é unha rexión riquísima en máscaras, especialmente nas das celebracións do ciclo dos 12 días”. Tamén se detiña en cuestións como os materiais empregados nelas: dende a lata, madeira, especialmente traballadas en zonas como Vilaboa de Ousilhão ou Salsas; coiro, cortiza ou mesmo de fibras vexetais (silva e palla), aplicando a técnica empregada polas mulleres para facer as cestas. “Cada zona inserta un certo modelo”.
No acto inaugural tamén interviñan representantes da Universidade de Santiago de Compostela, como Elena Freire, da profesora da área de Antropoloxía Social e Cultural, así como unha representante da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Duero-Douro, Ana Belén López; así como a xefa territorial da Consellería de Educación en Lugo, Sagrario Sánchez, e a concelleira da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro.
“Esta exposición é o resultado dunha pequena conversa xurdida tomando un café cos representantes da Cámara de Moncorvo, onde animamos a Nuno a facer esta mostra”, lembraba Ana Belén López. Amosábase por vez primeira en maio do 2023 en Zamora, e con 53 pezas, e “é unha exposición itinerante e viva porque ten ido medrando en número de pezas ao longo do percorrido, estivemos en Zamora, en Salamanca, en Valladolid, en Torre de Moncorvo, en Cáceres, en Alfândega da Fé (Portugal), e agora en Lugo. Non sabemos cara onde continuará pero estamos seguros de que continuará polo interese da mostra”, comentaba.
Pola súa banda, a representante da Xunta, Sagrario Sánchez agradecía a mostra e comentaba que chegaba nun contexto moi especial en Galicia, tendo en conta a declaración do seu Entroido como Ben de Interese Cultural. E, finalmente, a concelleira de Cultura lucense comentaba que “resulta un pracer acoller esta exposición neste espazo que para o Concello de Lugo é moi importante e que intentamos ademais mimar e seleccionar moi ben o tipo de exposición que facemos aquí porque seguimos tendo especial agarimo e respecto á memoria e ao que supuxo este Vello Cárcere que pasou de ser un lugar de sufrimento e de censura a un espazo de liberdade onde acollemos múltiples e diversas exposicións e actividades relacionadas coa cultura”.
A Área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa AECT Duero-Douro, a Cámara Municipal de Torre de Moncorvo e a Academia da Máscara Ibérica é a encargada de organizar esta exposición que poderá visitarse de balde o 5 de maio.
O Distrito de Bragança, de onde proceden as máscaras da mostra, é un territorio que conserva un vasto patrimonio cultural cunha orixe arcaica, pero vixente pola gran aceptación social que ten hoxe día. A colección que se expón atesoura valores artísticos, históricos, educativos e antropolóxicos, destacan os seus promotores.
Para que o público poida ter toda a información ao alcance da man elaborouse un catálogo descritivo que se pode descargar de balde nesta ligazón.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.