Que boteiro, mázcara ou fariñada entren no dicionario... em O SIL, 06-04-2024
“Que boteiro, mázcara ou fariñada entren no dicionario da RAG supón un recoñecemento para o Entrudio vianés”
O filólogo Pedro Basalo elaboraba varios informes dirixidos á Academia e ao dicionario Estraviz propoñendo a entrada de varios termos relacionados con esta tradición, que nalgúns casos foron aceptados
6 de Abril de 2024
Buscando varias palabras no dicionario da Real Academia Galega (RAG), o vianés Pedro Basalo decatábase de que o termo Boteiro (máscara central do Entrudio vianés) non figuraba nel. “Non obstante si que aparecen tres personaxes do triángulo máxico: Cigarrón, Peliqueiro e Pantalla. E, tamén, a Charrúa de Allariz, entón pensei que sería boa idea remitir un informe ao Seminario de Lexicografía da RAG porque é o encargado de elaborar o dicionario”. Era agosto de 2022 e este filólogo e investigador poñíase mans á obra.
Ao mesmo tempo, ocorríasellese buscar noutros dicionarios para comprobar se aparecía este termo e outros vinculados co Entrudio. E dirixíase ao dicionario de Estraviz, “que é de galego reintegrado e acolle léxico do portugués e do galego. Aí comprobei que hai definicións que se poden mellorar e outras palabras relacionadas co Entrudio que se poden engadir. Así que tamén preparaba informes relativos a eses termos co fin de que puideran ser incluídos. “Eu simplemente informeinos, paseilles o que eu consideraba que podía ser unha definición válida e explicáballes por que. E tal foi a así que a comezos do 2023 en xaneiro xa estaban case todas estas palabras, senón todas, incluídas no seu dicionario online.
No caso do dicionario da RAG o procedemento ía máis a modiño, pero tamén se lograban avances. De feito, en marzo aparecían na versión dixital deste dicionario as palabras boteiro, mázcara fariñada. “Á RAG non lle mandei tantas palabras, foron esas tres que entraron, ademais de fulión e fuliada. Estas dúas últimas propoñía que se tomaran como entradas á parte de folión e foliada, pero eses cambios non foron aceptados”.
Sobre os termos Boteiro e Mázcara, Basalo achegaba á RAG “unha especie de definición, que é practicamente a mesma que aparece no dicionario, e indiqueilles por que sería pertinente incluíla. No caso do Boteiro si o documentei coas obras anteriores aos anos 89 nas que aparece, como é algunha de Vicente Risco ou nos “Contos vianeses” de Laureano Prieto.
Pedro Basalo, que é ademais estudoso do Entrudio vianés e membro de entidades que promoven esta tradición como a Asociación Robreda, amosa a súa satisfacción por estes recoñecementos ás palabras vianesas. “Nós dende o Entrudio de Viana estamos contentos de que se nos inclúa porque dá unha visibilidade que é moi necesaria, e en certa maneira é un recoñecemento para a tradición e, sobre todo, porque permite coñecer. Moitas veces temos a sensación, falo por Viana ou polas zonas onde se vive o Entrudio, de que todo o mundo coñece a nosa realidade e estamos nunha burbulla moi pequena, e entrar nun dicionario, dende logo abre as portas e axuda a coñecer, achega a nosa tradición e cultura a quen busque nel”.
Por outra banda, Basalo tamén apunta que “aínda que non se nos recoñezan fulión ou fuliada ou Entrudio no dicionario, iso tampouco é un demérito. Obviamente un dicionario é un repertorio limitado todas as palabras dunha lingua e para que os termos locais sigan existindo, simplemente hai que seguir usándoos e eu penso que, dende logo, é fundamental para que o Entrudio siga existindo como tradición, que se sigan utilizando, sexan recoñecidos ou non pola RAG. Tamén temos que ser conscientes de que a RAG busca o galego normativo e o galego que se fala na zona de Viana ten os seus trazos dialectais que deben ser conservados e, sobre todo, en relación coas súas tradicións”.